Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Brión abrirá en marzo a súa temporada sendeirismo con dúas rutas a carón de ríos: Tambre (Brión) e Pedras (Barbanza)


A ruta do Tambre é totalmente gratuíta, mentres que a do río Pedras terá un prezo de 10 euros

O Concello de Brión adianta ao mes de marzo o inicio da nova temporada de sendeirismo, que este ano comezan con dúas rutas que se desenvolven a carón de dous ríos: Tambre (Brión-Ons) e Pedras (Barbanza). Dúas xornadas de actividade deportiva ao aire libre nas que pode participar toda a familia, xa que son traxectos de dificultade baixa.

A Ruta do Tambre terá lugar o sábado 5 de marzo, a partir das 14:00 horas. Trátase dun percorrido circular de 22 quilómetros entre a Carballeira de Santa Minia e Ons. Como non é preciso desprazamento ningún, a actividade é totalmente gratuíta, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 981 509 908.

Barbanza

Para o sábado 26 de marzo queda a Ruta do Río Pedras, unha ruta pedestre na península do Barbanza de 20 quilómetros de distancia. Trátase dun camiño á beira do río Pedras e ao pé do Monte Curota, un lugar de gran beleza e cunha abrupta orografía onde os canles fluviais dos ríos San Xoán e Barbanza conflúen nun mesmo leito para dar lugar ao Río Pedras. Deste xeito, os camiñantes estarán rodeados de vexetación autóctona, pozas, tobogáns e saltos conformados ao longo de milleiros de anos polo traballo das correntes de auga.

A expedición sairá en autobús ás 8:30 horas dende a Carballeira de Santa Minia. A diferenza da Ruta do Tambre, nesta ocasión será necesario levar xantar tipo pícnic. A cota de inscrición nesta saída é de 10 euros por participante. Hai un límite de 50 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición.

Para confirmar a praza será indispensable entregar o resgardo da folla de taxas oficial correctamente cuberta e asinada. Para facelo os interesados deberán acudir á Casa da Cultura antes do día 22 de marzo. O Concello de Brión lembra que non se admiten pagamentos conxuntos nunha mesma folla, cada participante deberá entregar cadanseu formulario.